8 de marzo: tomemos conciencia da desigualdade. A desigualdade nace da túa indiferenza

10918989_10206156256289062_5815813712765354663_nA crise do capitalismo revelou con crudeza os límites dos avances acadados no eido da igualdade.

Na lista das desproteccións, a muller aparece nun lugar manifesto.

A crise – ou, por mellor dicir, estafa – serviu como coartada para resituarnos ás mulleres con máis crueza no papel que o sistema capitalista nos reserva: a reprodución da forza de traballo e a carga sobre nós do mantemento e coidado das masas proletarias, suplindo co noso esforzo os dereitos que o estado social en retirada abandona. Así, é sobre as mulleres sobre as que recae o maior peso da atención a persoas dependentes, as que suplen o recorte nos comedores escolares, as que asumen os coidados a persoas enfermas ás que os inmorais recortes sanitarios deixan na estacada, ou as que fan de psicólogas dos problemas familiares, o que se vén a unir ás tarefas do fogar e ao coidado de nenos e nenas, que seguen a ser ocupacións maioritariamente femininas.

Na Galiza, a precariedade e pobreza ten nome de muller, agrandándose a fenda salarial, o que significa dependencia doutro para construír o propio proxecto de vida, inseguridade ante unha situación de maltrato, condena a unha emigración forzosa… seguir no círculo da pobreza e da exclusión.

Na actualidade, volve ser para moitas inasumible pensar en traballar fóra das labouras domésticas non valoradas nin pagadas. As mulleres, coma sempre, abandonando os propios intereses en función das persoas que con elas conviven e ás que elas coidan.

“Conciliar” coidados e vida persoal conxúgase aínda só en feminino, polo que cómpre primeiro unha concienciación sobor da desigualdade da muller, sobor dunha cultura na cal polo feito de nacer muller se teñen menos oportunidades e dereitos.

Cómpre unha revolución dos coidados, unha sociedade que valore os roles sociais asumidos tradicionalmente pola muller como un compromiso común da sociedade e non só coma unha carga marxinal feminina.

No seo dun sistema que ten a violencia como garante da súa continuidade (a violencia dos despexos de vivendas, a represión dos movementos sociais, a violencia de cobrar 400 €…) así como unha omnipresente cultura audiovisual que presenta modelos de muller á medida dos estereotipos patriarcais, aumentou a desprotección contra a violencia de xénero -con recorte das axudas e descenso de denuncias e medidas de protección- así como aumentan alarmantemente os signos de tolerancia coa violencia nas mozas e mozos.

Vivimos, ademais, coa reforma da lei do aborto, o retroceso de dereitos contra as mozas menores de idade, que non van poder exercer o dereito a dispor do propio corpo, condenadas a unha interrupción do embarazo en condicións non seguras ou a unha maternidade non desexada.

Cómpre unha revolución feminista que materialice a “idea radical de que as mulleres (todas, as de todas as condicións) somos persoas”.

Por iso, o 8 de marzo estaremos nas rúas: coas labregas, coas ensinantes, coas empregadas do fogar, coas prostitutas, coas mariscadoras, coas subempregadas… Con todas e por todas.

Cerna apoia a mobilización unitaria convocada polo feminismo galego o 8 de marzo, con saída ás 12 horas da estación de tren de Santiago de Compostela.

Galiza,  8 de marzo de 2015

Consuelo Martínez
da Portavocía de CERNA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *