Basta de complicidades coa violencia de xénero!

10639640_10204561051900013_5303032146279745873_n

Perante o 25 de Novembro, “Día Internacional contra a Violencia de xénero”, outro ano máis, observamos, como a pesar do aumento de casos de violencia e o retroceso nas denuncias dos mesmos, a resposta dos gobernos do Estado Español e do Goberno da Xunta de Galiza seguen a ser os recortes e o descenso do financiamento para loitar contra esta lacra.

Así, para os gobernantes do Partido Popular, a resposta contra a violencia de xénero tradúcese nun 28% menos de inversións en medidas contra a violencia de xénero con respecto ao ano 2011, un presuposto de sensibilización recortado en case un 70% e nun presuposto da Xunta que pasa en 5 anos de 60 millóns a 12,3 millóns de euros.

Este aminoramento de recursos e medidas non é outra cousa que a derrogación velada da Lei integral contra a Violencia de Xénero que responde a un cambio ideolóxico do máis rancio que segue a considerar ás mulleres como cidadás de segunda (Modificación Lei do aborto, Modificación normativa puntos de encontro…).
Galiza ocupa así o terceiro posto con maior número de asasinadas (6 no que levamos de ano), con un índice alto de sobreseimentos e un baixo nivel de sentencias condenatorias.

Diante dunha situación de crise sistémica e de feminización da pobreza onde a situación de desemprego feminino é a maior causa de retroceso no número de denuncias a resposta dos gobernos cómplices pasan por reducir nun 54 % no sistema de avogados/as de oficio, persisten na falta de medios e formación no persoal dos corpos de seguridade, a axuda psicolóxica se reduce a un 35 % e as axudas económicas mérmanse nun 21 %.

É por isto que hoxe, máis ca nunca, é imprescindible manifestar a nosa clara oposición fronte a violencia de xénero xa que a loita contra o machismo na que o sistema patriarcal séguese a perpetuar coa axuda de moitas complicidades é cousa de todos e de todas.

Nunca esqueceremos a Mª José, Adela, Sara, Mª Belén, Mónica, Mª Helena e Mª Luisa, todas elas asasinadas en Galiza por mor da violencia machista. Hoxe lembramos que a Xunta non recoñece como vítima de violencia de xénero a nai morta xunto a súa filla, en Lugo, asasinada polo seu xenro. O noso homenaxe a todas elas e tamén para todas aquelas que non se computan nas estatísticas oficiais pero seguen desaparecidas e son maltratadas, violadas ou discriminadas.

A violencia que sufrimos ás mulleres non é un feito aillado, senón un problema estrutural que nos afecta en tódalas esferas da nosa vida.

Mentres as institucións e os medios de comunicación seguen tratando de desviar a atención sobre as verdadeiras causas da violencia sexista, mentres as complicidades se manteñen infranqueables soldadas coa impunidade xeralizada ante o incumprimento do dereito a unha vida sen violencia para ás mulleres.

Nós dicimos: Basta!!! Basta xa de complicidades!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *