Cerna apoia a mobilización das Marchas da Dignidade o 29 de novembro en Compostela

Cerna apoia a mobilización das Marchas da Dignidade convocada para o sábado, 29 de novembro, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

A seis anos da crise financeira global, asistimos á evidencia de que esta non foi máis cá unha estafa na que os grandes poderes engrosaron a súa conta de beneficios mentras á maioría social nos despoxan dos máis básicos dereitos: o pan, o traballo, o teito.

Galiza vive unha grave crise social, cuns niveis insostibles de paro, pobreza e emigración, e cun deterioro dos servizos públicos básicos, mentras o Presidente Feijóo asiste impasible a como a corrupción inunda ao seu goberno e ao seu partido; un presidente que debe dimitir e convocar eleccións.

Con este negro panorama para a maioría social, é precisa máis cá nunca a unidade popular e hai que exercer a dignidade e mobilizarse unindo as reivindicacións de todos os colectivos agredidos.

E nós pobo galego debemos facer valer o noso dereito de autodeterminación, dereito radical democrático, para deseñar un novo marco xurídico-político galego que garanta a soberanía popular.

Por todo iso, Cerna anima a participar na mobilización das Marchas da Dignidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *