Cerna apoia a mobilización dos mariñeiros mercantes galegos diante da embaixada de Noruega en Madrid

16.11.2014

Cerna apoia a mobilización da Asociación Long Hope que se celebrará mañá, 17 de decembro, diante da embaixada de Noruega en Madrid. – Long Hope agrupa uns 12.000 mariñeiros mercantes que traballaron en Noruega entre 1952 e 1994, dos cales o 80% son galegos, aos que se lles negan as súas pensións de xubilación.

Cerna apoia as reivindicacións destes traballadores, polo cal Consuelo Martínez instou á Xunta e ao Parlamento de Galiza a facerse cargo da súa defensa, para todos os efectos, ante os Tribunais de Noruega.

Nunha iniciativa presentada no Parlamento de Galiza en xullo, Consuelo Martínez recollía o apoio aos traballadores que prestaron servizo nos buques de Noruega nos anos anteriores a 1994, é dicir, antes da sinatura do convenio de colaboración coa CEE, e que non son considerados traballadores emigrantes por aquel país xa que se consideraba que non residían no mesmo ao non estar traballando fisicamente en terra firme e, en consecuencia, non se lles recoñece o dereito a prestación de ningún tipo derivada de ditos períodos de cotización.

Martínez lembrou que estes traballadores teñen unha media de 80 anos de idade e continúan pelexando polos seus dereitos. “O Goberno de España entende que este é un conflito entre os traballadores e o Estado noruegués”, denunciou Chelo Martínez, “algo que é absurdo. Para nós, estamos diante dun conflito entre Estados e a Xunta debe reclamar a resolución ao Goberno de Madrid e defender aos cidadáns afectados”.

O Parlamento galego aprobara, en outubro de 2010, por unanimidade na Comisión de Pesca e Marisqueo, unha PNL instando á Xunta de Galiza a manter unha actitude firme ante o Goberno central co obxectivo de esixirlle que acabe co drama dos mariñeiros da marina mercante galegos que estiveron embarcados en buques noruegueses antes do 1 de xaneiro de 1994 e non reciben prestacións sociais de ningún tipo.

Long Hope tamén recibiu o apoio do Comité de Peticións do Parlamento Europeo, do Congreso dos Deputados, dos Valedores do Pobo de Galiza, España e Noruega, de partidos políticos, sindicatos e administracións locais galegas e norueguesas, mais o problema segue sen resolverse.

Cerna solidarízase cos traballadores organizados en Long Hope e coas súas familias e apoia a súa mobilización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *