Cerna apoia que Chelo Martínez se integre no Grupo Mixto

A Comisión de Coordinación de Cerna dá todo o seu apoio á decisión da até agora deputada por AGE Consuelo Martínez do seu paso ao grupo mixto e as razóns polas que o fai

Entendemos que AGE, iniciativa orixinariamente ilusionante, derivou nunha coalición ao uso e fallou como tentativa dunha fronte ampla non excluínte que propugnabamos daquela os nacionalistas en Anova. O Grupo deixou de funcionar como tal e pasou a andar ao ritmo que lle marca IU, feito que se agravou dende o momento no que a vice-portavoz Yolanda Díaz se converteu de facto en portavoz.

En contraste coas mesuradas declaración do portavoz do AGE Xosé Manuel Beiras e da propia Consuelo Martínez, sorprenden as indecentes alusións do alcalde de Teo e co-portavoz de Anova Martiño Noriega sobre a acta da deputada, que cualifican a quen así actúa agora, pero que tendo sido electo nunha lista do BNG clamaba por unha “separación en boa avinza” para ficar na alcaldía.

 

Pola nosa parte seguimos a considerar que cada un dende o seu grupo deberá promover a colaboración e o apoio mutuo de iniciativas que respondan ao mandato dos votantes que elixiron esas persoas para estar no Parlamento. Cooperación parlamentar que será máis doada de facer sen conflitos intra-grupo.

 

CERNA prestará todo o seu apoio á deputada Consuelo Martínez para o traballo que realmente importa á cidadanía : a creba democrática coas políticas reaccionaria do PP, a corrupción do réxime e o sometemento de Galiza, é dicir a defensa do interese da maioría social e os dereitos nacionais de Galiza.

 

Prescindindo do confronto interno esterilizante, a cooperación será posíbel na sociedade que é onde está o centro de gravidade dos problemas, das dinámicas e das solucións para a maioría social. A unidade cidadá incluínte e a cooperación deberá producirse no inmediato, no apoio e traballo para realizar nas candidaturas de unidade cidadá que están a agromar por todo o País.

Galiza 6 de novembro de 2014

Un comentario en “Cerna apoia que Chelo Martínez se integre no Grupo Mixto”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *