Cerna urxe a restitución dos cursos de galego da Casa de Galicia en Madrid

10951493_10204923400437569_1398539986_nEsiximos que se inicien canto antes os cursos e se contrate de xeito digno o profesorado de galego en Madrid

22 de xaneiro de 2015

O 27 de novembro de 2014, sen previo aviso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza comunica que se suspenden sine die os cursos de galego do Espazo das Linguas Ibéricas-Casa de Galicia en Madrid para o curso 2014-2015. A Secretaría Xeral de Política Lingüística alega, sen máis explicacións, “razóns organizativas e xurídicas” para non impartir os cursos nas datas previstas.

As datas dos cursos de galego en Madrid foran anunciados en outubro, sendo un curso de Lingua e Cultura Galegas (de xaneiro a maio de 2015), e os Celga de nivel 1, 2 e 4, tamén de xaneiro a maio de 2015.

O profesorado de galego en Madrid (profesora contratada a través da Universidade de Alcalá de Henares ata fai un ano) leva tres meses organizando a matrícula do alumnado, pois en agosto a Secretaría Xeral de Política Lingüística comunicoulle oralmente que os cursos continuaban este ano. O resultado son case un cento de persoas matriculadas, con probas de nivel feitas, que descoñecen cando van poder comezar o curso de galego.

O alumnado dos cursos de galego en Madrid non ten responsabilidade sobre a política anti-normalizadora da Xunta e ten dereito aos cursos de galego que viñan impartíndose regularmente, polo cal Cerna se solidariza coas persoas afectadas – que se manifestaron a pasada semana en Madrid – e Consuelo Martínez demanda que se inicien canto antes os cursos e se contrate de xeito digno ao profesorado de galego en Madrid.

Galiza, 22 de xaneiro de 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *