Chelo Martínez: «o Parlamento debe cambiar un modelo retributivo que escandaliza a cidadanía»

Compostela.- Reproducimos a iniciativa presentada onte por Chelo Martínez sobre as retribucións que perciben os parlamentarios galegos:

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentario Mixto, a través das súa deputada e vicevoceira, Consuelo Martínez García, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara,  presenta as seguinte emenda de adición á proposición non de lei do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego 29331 Expte. nº 09/PNP-002124, incluída na orde do día do Pleno que se celebrará o 2 de decembro de 2014.
I.- Exposición de motivos:
O Artigo 10 do Regulamento do Parlamento de Galicia establece que os deputados percibirán unha asignación económica que lles permita cumprir eficaz e dignamente a súa función e que terán igualmente dereito ás indemnizacións e axudas de custo por gastos que sexan indispensables para o cumprimento da súa función.
Na actual situación de crise económica xestionada polo ultraliberalismo en beneficio dunha exigua minoría fronte ao empobrecemento acelerado da inmensa maioría social, a dignidade á que se refire o Artigo 10.1 do RPG non pode ser a coartada para
un modelo retributivo que escandaliza a moita da cidadanía. A reforma de 2013 aproximou o réxime fiscal de deputadas e deputados ao da cidadanía do común mais aínda dista moito da transparencia esixíbel aos servidores públicos.
Cun simple acordo da Mesa do Parlamento é posíbel estabelecer un réxime retributivo máis xusto, transparentar o uso dos fondos públicos e mesmo reducir custos suprimindo ou modificando contías que a xuízo desta deputada son indebidas ou desproporcionadas.
EMENDA DE ADICIÓN:
Engádense dous novos puntos co seguinte texto:
2.- A ponencia conxunta dos grupos parlamentares elaborará no prazo de 15 días unha proposta para elevar á Mesa do Parlamento sobre o réxime económico dos  deputados e deputadas para aplicar no vindeiro período de sesións e cos seguintes criterios:
1.  Vencellar a retribución ao desempeño efectivo do traballo.
2. Modificar o réxime fiscal de xeito que a tributación abranga á totalidade das retribucións agás as dietas ou gastos xustificados.
3. Modificar a contía das indemnizacións por gastos para o cumprimento da súa función, gastos de representación e gastos de libre disposición, que chegan nalgún caso aos 4.136,54 €/mes.
4. A contía da redución do custe das retribucións aos membros do Parlamento Galego deberá ser ao menos do 18%.
5. Vencellar a axuda de custe ao réxime de adicación.
3.- O Parlamento acorda instar á Xunta de Galicia a reducir ao menos nun 18% as percepcións económicas dos membros do Goberno e asesores; membros e asesores da alta dirección da Comunidade Autónoma, e Consello de Administración da CRTVG,
comezando pola redución dos seus membros pendente dende 2011.
Pazo do Parlamento a luns, 01 de decembro de 2014

Asdo.: Consuelo Martínez García
Deputada e vicevoceira do G.P. Mixto do Parlamento de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *