Chelo Martínez: “O PP busca distraer o verdadeiro debate político e tentar superar a desfeita electoral que lle ven enriba”

Ante a detención de letrados e letradas vascos que asisten para a asociación Herrira a persoas presas, despois de contrastar o tema coa Comisión de Coordinación de CERNA, considero que debo facer público o que segue:

Non deixa de ser sorprendente que un goberno do PP, que conta con moitos dos seus máximos responsábeis estatais ou autonómicos na cadea a con innumerábeis procesos por malversación de fondos públicos, contra o fisco ou por prevaricación, proceda a instar unha auténtica “redada de letrados” -por certo, onde fica o dereito constitucional á defensa?- presuntamente por fraude fiscal e seica por servir de enlace entre os seus clientes e a organización ETA.

Non podo menos que entender que un PP agobiado polo rexeitamento popular debido á súa propia corrupción e ás políticas contrarias ao benestar da maioría social está a buscar, como xa o ten feito outras veces, un “inimigo” que lle permita distraer o verdadeiro debate político e tentar superar a desfeita electoral que lle ven enriba.

É especialmente noxento que fagan esta operación a rebufo dos dramáticos acontecementos de París cunha cidadanía absolutamente conmocionada, buscando un plus emocional para incrementar os seus réditos políticos electorais.

Galiza, 13 de xaneiro de 2015

CONSUELO MARTINEZ
Deputada do Parlamento Galego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *