Chelo Martínez: «o PP ten uha auténtica trama montada para malversar fondos públicos»

A Deputada Consuelo Martinez denuncia trama de malversación de fondos públicos en Ourense nos cursos de formación subvencionados pola Consellaría de Traballo nunha interpelación á Conselleira Beatriz Mato

Compostela, 2 de decembro de 2014.- Recentemente, o Consello de Contas de Galicia fixo publico un Informe de fiscalización dos programas de formación para o emprego do exercicio 2010. No volume I, Informe Xeral, di (páxina 40):

De forma destacada, en torno a algúns beneficiarios dáse un elevado elenco de entidades vinculadas que absorben a totalidade das súas contratacións externas (…) Así mesmo, en torno ao grupo ACADEMIA POSTAL aparecen ACH, EDUCATIC GAP PUE S.L., SERVIACA, PEN CONSULTORÍA e BARTOMEU.

Entre os conglomerados de empresas que se citan neste informe do Consello de Contas, hai unha que o Presidente da Xunta de Galicia coñece moi ben pola amizade que os une, o Grupo Academia Postal de Francisco Nóvoa que ademais vai ser candidato do PP á Alcaldía de Maceda.

Favoreceu o Goberno da Xunta a ese grupo empresarial dende que goberna o Sr. Feijóo?

Como se explica que unha asociación, a Asociación de Centros Homologados, que asocia unicamente empresas deste mesmo empresario, Francisco Nóvoa, e que ten, polo tanto, un carácter privativo, reciba axudas, subvencións, realice convenios coa Xunta de Galicia ou dispoña de orientadores laborais que logo desempeñan outras funcións na academia, como a docencia?

Non lle parece señora conselleira que resulta sospeitosa unha asociación que factura cos seus socios? Uns socios que se facturan entre si ou con outras empresas do mesmo empresario?

Non se dá de conta que con esa enxeñería se está encarecendo o produto final, para finalmente facturarllo a Xunta de Galicia?

Creo que estamos ante unha nova trama da que o propio Consello de Contas está a avisar.

Demándolle señora conselleira, ante o seu silencio, unha explicación para a cidadanía que ve atónita como vostedes, o PP,  teñen uha auténtica trama montada para malversar fondos públicos.
Consuelo Martinez Deputada do Parlamento Galego

Vídeo:  https://www.youtube.com/watch?v=iFYfzmLMvYc&list=UU2i5-w8JTv-M91dqlrnQWeQ

Un comentario en “Chelo Martínez: «o PP ten uha auténtica trama montada para malversar fondos públicos»”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *