Chelo Martínez reclama que a herdanza de Rosalía Mera tribute coma todas

Chelo Martínez informa da seguinte Proposición non de Lei rexistrada o 21/11/2014 relativa a Proposta de actuacións tributarias derivadas do falecemento de Dª Rosalía Mera Goyenechea e en relación co plan de inspección tributaria dos grandes patrimonios.

É de salientar que só no caso da tributación da herdanza Dª Rosalía Mera Goyenechea, cos datos contábeis do seu patrimonio coñecidos publicamente no momento do seu pasamento ( contas do ano 2011 ) podería significar centos de millóns de Euros para a facenda da Xunta de Galicia se se aplicar a doutrina xurisprudencial exposta na exposición de motivos da PNL.

Consuelo Martínez García

GRUPO MIXTO
PARLAMENTO DE GALICIA
Parlamento De Galicia | Proposición non de lei para Pleno

Á MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA.

O Grupo Parlamentario Mixto , a iniciativa da deputada Dª. Mª Consuelo Martinez García, ao abeiro do artigo 160 do Regulamento da Cámara presenta a seguinte Proposición non de Lei, para o seu debate en Pleno, relativa a Proposta de actuacións tributarias derivadas do falecemento de Dª Rosalía Mera Goyenechea e en relación co plan de inspección tributaria dos grandes patrimonios.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1.- O falecemento o 15 de agosto de 2013 Dª Rosalía Mera Goyenechea, e con independencia das distintas e diversas consideracións e valoracións sobre a súa traxectoria empresarial e humana, levou aparellado consecuencias económicas de manifesta transcendencia na facenda autonómica, ao devengarse e recadarse unha cota tributaria polo Imposto de Sucesións que, non obstante as precisións e condicionantes que logo se dirán, sería cuantitativamente significativa.

2.- Respecto do réxime fiscal aplicable ao mencionado imposto de sucesións compre ter en conta o seguinte:

Primeiro.- A exención/redución do 99 % no imposto de sucesións na normativa autonómica de Galiza (Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades; art. 7.4 do DL 1/2011, de 28 de xullo) esixe a concorrencia e cumprimento de varios requisitos, entre eles, o de que o centro principal de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se atope situado en Galicia e se manteña durante os cinco anos seguintes á data de devengo do imposto; o segundo, o máis importante e relevante neste caso, que á data de devengo do imposto (data do falecemento, 15/08/2013) á empresa individual, ao negocio profesional ou ás participacións lles sexa aplicable a exención regulada na alínea 8 do artigo 4 da Lei 19/1991, de 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

Segundo.- De acordo cos datos dispoñibles e de acceso público Dª Rosalía Mera Goyenechea era a partícipe maioritaria da sociedade patrimonial Rosp Corunna S.L, a cal era a socia única de Rosp Corunna Participaciones Empresariales S.L e Ferrado Inmuebles S.L, sociedades unipersoais, todas elas con domicilio fiscal en Galiza, se ben algunhas das sociedades delas dependentes, e coformantes do grupo empresarial, tiñan domicilio fiscal en Madrid (caso das SICAV) e mesmo algunhas delas en paraísos fiscais (estado de Delaware-USA e illa de Guernsey-RU).

Terceiro.- As recentes sentenzas do TSXG de 13 de marzo de 2013 (rec. 15062/2013) e 2 de outubro de 2013 (rec. 15250/2013), cuxos obxectos procesuais son as declaracións do imposto de patrimonio de Dª Rosalía Mera Goyenechea e outra, de varios anos, resolveu declarar que non concorre a exención do art. 8.4 do Imposto de Patrimonio, en relación coa sociedade matriz, Rosp Corunna S.L. En dita sentenza, e no seu fundamento de dereito terceiro, precísase que “Verbo do fondo da controversia esta cínguese á plicación (plena) da exención do artigo 4.oito da Lei 19/1991 de 06.06 ás participacións que a Sra…. tiña na entidade ROSP CORUNNA SL. A recorrente – no ano 2002- tiña una participación nesta sociedade do 85,78%. A sociedade posúe o 100% das accións da sociedade FERRADO INMUEBLES SL e o 100%
das acción de ROSP CORUNNA PARTICIPACIONES MPRESARIALES SL, quen, a súa vez posúe o 100% das acción de dúas sociedades anónimas de inversión mobiliaria de capital variable: BREIXO INVERSIONES SIMCAV SA e SOANDRES DE ACTIVOS SIMCAV SA e posúe participacións noutra serie de entidades non transparentes. Sostén que a totalidade das participación en ROSP CORUNNA SL están exentas, e que non se poden ter en consideración – aos efectos do imposto do patrimonio- as participación indirectas”.
Pois ben, as sentenzas confirman as Resolución do TEAC (Tribunal Económico Administrativo Central) no senso de considerar que as participacións patrimoniais de Dª Rosalía Mera non estaban exentas de tributación no Imposto de Patrimonio. E se non estaban exentas do imposto de patrimonio tampouco o estarían do imposto de sucesións, de acordo coa normativa actualmente vixente e sinalada anteriormente, dado que, a criterio deste grupo, os fundamentos xurídicos da non exención son extensibles á normativa e situación tributaria actuais.
Se ben ditas sentenzas non son firmes (descoñecendo esta deputada se foron recorridas en casación), as posibilidades de que prospere o recurso son ínfimas ou nulas, xa que o Supremo xa ten ditado xurisprudencia ao respecto.
De feito, a sentenza do TSXG que fallou en contra de Rosalía Mera contén os mesmos fundamentos xurídicos que unha previa 03/03/2011 (sobre as sociedades patrimoniais de D. Pablo Castellano), que foi confirmada integramente pola recente STS de 03/06/2013. Criterio xurisprudencial sobre a non exención do imposto de patrimonio das sociedades patrimoniais que, por certo, o Supremo xa se pronunciou do mesmo xeito referido ao seu ex-esposo, D. Amancio Ortega, tamén en recente STS de 21/05/2013.
En consecuencia, e a criterio deste grupo, e cos datos e informacións
coñecidos, non concorre a causa de exención do art. 7.4 do DL 1/2011, de 28 de xullo, en relación co art. 8.4 da Lei do imposto de patrimonio.
A consecuencia económico-tributaria de tal non exención é o devengo e posterior ingreso dunha cota tributaria de especial transcendencia para a facenda autonómica.

3.- Na Resolución do 16 de maio de 2014, da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2014 fixasen como directrices preferentes as de “Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial as reducións na base impoñible referidas a empresas e vivenda, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da remuneración como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma, en especial os requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio….” así como a de “Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial a súa adecuación cos rexistros administrativos e fiscais, a comprobación de actos anteriores do causante, a adición de bens nos supostos establecidos na norma e a comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas con persoas ou entidades coas cales exista algún tipo de vinculación”.

4.- O plan de control e inspección tributario das grandes fortunas inclúe o imposto de sucesións, moi especialmente, e de xeito preferente a base impoñible e, no seu caso, reducións, no referido á transmisión mortis causa das participacións en sociedades patrimoniais das grandes fortunas, caso da de Dª Rosalía Mera Goyenechea. Esixencia de inspección tributaria que resulta tanto máis obrigada cando, como é o caso, trátase dun suposto de gran volume patrimonial, instrumentalizado a través de sociedades patrimoniais, e algunhas delas mesmo domiciliadas en paraísos fiscais.

Por todo elo, preséntase a seguinte Proposición Non de lei para o seu debate en Pleno:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a:

1. De conformidade coas directrices de inspección preferente do Plan Xeral de Control Tributario do 2014, instar á Axencia Tributaria de Galiza a estremar a inspección e verificación da declaración tributaria correspondente ao imposto de sucesións de Dª Rosalía Mera Goyenechea, en especial respecto do cumprimento do art. 7.4 do DL
1/2011, de 28 de xullo, en relación co art. 8.4 da Lei 19/1991, do imposto do patrimonio, e de acordo coa doutrina xurisprudencial exposta na exposición de motivos deste acordo.

2. Proceder ás modificacións normativas necesarias no réxime fiscal dos impostos de patrimonio e de sucesións, tendentes a axustar e precisar as reducións fiscais das sociedades patrimoniais aos efectos de evitar o fraude fiscal dos grandes patrimonios.

3. Presentar informe ante o Pleno do Parlamento, no prazo máximo de tres meses, sobre as actuacións de inspección tributaria realizadas cuxo obxecto son os grandes patrimonios e, especificamente, as relativas ao imposto de patrimonio e imposto de sucesións.

Galiza, a 21 de novembro de 2014
Asdo.: Consuelo Martínez García
Deputada e Vicevoceira do G.P. Mixto do Parlamento de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *