Consuelo Martínez insta á Xunta a que blinde o emprego e os dereitos laborais no concerto de Povisa

A DEPUTADA CONSUELO MARTINEZ PRESENTOU PROPOSICIÓN NO PARLAMENTO PARA INSTAR Á XUNTA A ESIXIR A POVISA VARIAS CUESTIÓNS NO EIDO LABORAL

A Deputada viguesa pide ao Parlamento de Galicia que insta á Xunta de Galicia a esixir a POVISA, en base ao cumprimento do Concerto que mantén co SERGAS e dos compromisos adquiridos coa sinatura do Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo, a paralización inmediata das medidas recollidas na “Memoria Explicativa” entregada ao Comité de Empresa e na que se recolle “Extinción colectiva de contratos de traballo por causas económicas”, a “Reestruturación da dotación e quendas de celadores e auxiliares de enfermería por causas organizativas: extinción de 12 contratos por modificación de quendas”, a “Extinción de tres contratos de traballo no servizo de Arquivo Clínico” e a “Extinción de sete contratos de traballo na área de Recepción do Hospital”.

Tamén pide anular a Estipulación Vixésimo Primeira do Concerto Sanitario entre POVISA é o SERGAS na que consta que POVISA queda obrigado ao cumprimento, baixo a súa exclusiva responsabilidade, das disposicións vixentes en materia de lexislación fiscal, seguridade social, laboral e de seguridade e hixiene no traballo, referidas ao propio persoal ao seu cargo e en particular respecto ao persoal que empregue na xestión deste concerto, sen que en ningún caso poida alegarse ningún dereito de dito persoal en relación coa Administración contratante, nin esixir a esta responsabilidades de ningunha clase, como consecuencia das obrigas establecidas entre o centro e os seus empregados.

Ao tempo que de persistir POVISA en levar adiante as medidas de extinción de emprego anunciados, se aplicasen as sancións establecidas no Capítulo X do Concerto, Estipulación Vixésimo Terceira, na que se establece que terán a consideración de incumprimentos moi graves “non dispoñer de medios materiais e humanos necesarios para a correcta prestación do servizo” ou “a desviación de persoas atendidas a outros servizos con fines de lucro”.

Galiza 4 de febreiro de 2015
Consuelo Martínez García
Deputada do Parlamento Galego

* Axuntamos texto das PNLS en Pleno e Comisión

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *