Consuelo Martínez pide a devolución dos Orzamentos e ao Presidente que dimita e convoque eleccións

“Convoquen eleccións xa, señores do PP!  Sr. Nuñez Feijóo, disolva esta cámara, convoque eleccións e váiase. Por moito menos, o ministro do interior portugués dimitiu hai dez días. “Voume para defender a autoridade do Estado e a credibilidade das institucións” dixo. E vostede Sr. Núñez?

Non é consciente da vergonza que está a provocar á xente honrada deste País, tamén votantes honrados do PP? O seu amigo Marcial Dorado co narcotráfico e os contratos que se mollaron e desapareceron; o Sr. Barreiro Presidente do PP de Lugo imputado por corrupción; o PP da súa provincia de Ourense xa me dirá …; o presidente do PP de Pontevedra investigado pola fiscalía, e na Coruña a operación Zeta, 20 millóns de Euros, e de novo un amigo seu polo medio, Pachi Lucas.

Que máis agarda Sr. Núñez?

Convoque eleccións e váiase!”

Fronte a uns Orzamentos que continúan na liña de prioridade do pago da débeda, Chelo Martínez afirmou que hai marxe para aumentar o teito de gasto a través dun paquete de medidas fiscais que graven as grandes fortunas e permita invertir en Sanidade, Ensino e Servizos Sociais.

No debate de Orzamentos 2015, Consuelo Martínez anunciou a súa posición de rexeitamento ao Proxecto de Lei dos Orzamentos para o ano 2015 e apoio ás emendas de devolución dos mesmos, presentadas por parte do resto de grupos da oposición.

Ante un goberno “que non está presente”, con Feijóo ausente do debate, Consuelo Martínez tachou os Orzamentos de “continuístas”, siguen afondando na política do PP que provoca “paro, risco de exclusión social, emigración da xente moza, desatención da xente maior, desmantelamento dos servizos públicos, drástica reducción dos servizos sociais e incremento da desigualdade”. Dende a chegada de Feijóo, a débeda incrementouse máis dun 70%. “Máis débeda e menos investimentos”, ao tempo que se “abren espazos de negocio para as empresas amigas”, ese é o panorama dos gobernos do PP, que conduce cara “a liquidación da clase media” e o afogamento do 99% da xente. Fronte a esta política, Chelo Martínez sinalou que hai marxe para aumentar o teito de gasto, por exemplo a través dun paquete de medidas fiscais que graven as grandes fortunas.

“É necesaria unha política de redistribución da riqueza, impoñendo impostos a quen máis ten”, dixo Chelo Martínez, “pero o PP fai o contrario, quitándolle a quen menos ten para enriquecer a quen máis ten”. Esto reflíctese nos Orzamentos 2015, cos recortes en servizos básicos.

Chelo Martínez pediulle ao Partido Popular que “desagregue nos Orzamentos 2015 a corrupción, xa que neste país move tantos cartos.”A contorna do señor Núñez defrauda 20 millóns de euros na operación chamada Zeta, a corrupción do PP “trafica coa necesidade das persoas desempregadas”.

A deputada do Grupo Mixto advertiu sobre a precariedade dos novos empregos e sinalou que a precarización do traballo en Citroën, aplaudida polo Conselleiro de Industria, ausente do pleno, vai precarizar o traballo no resto da industria do automóbil e en todo o tecido produtivo.

Os Orzamentos do PP para 2015 caracterízanse pola “contumacia en recortar en servizos sociais”, “contumacia en favorecer con beneficios fiscais ás empresas que se enriquecen co encoramento dos nosos ríos ou das que queren facer unha mina do noso páis” e a “mentira, pois os Orzamentos só se van executar no que respecta ao pago da débeda”, gran parte dos Orzamentos non se desenvolven, como sucedeu nos últimos anos. Así, Consuelo Martínez emitiu o seu “rexeitamento total e absoluto, non só dos Orzamentos, senon tamén de toda a política do Partido Popular”.

Por isto, Chelo Martínez pediu a Feijóo que disolva o Parlamento e convoque eleccións xa que o PP está inzado de corrupción, nun país en crise social, cun incremento da pobreza en Galiza e a malnutrición infantil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *