Galiza de novo ausente? Non podemos permitilo

GALIZA PRECISA DUN GRANDE ACORDO DE OBXECTIVOS ANTE UN POSÍBEL PROCESO CONSTITUÍNTE PORQUE CORREMOS O RISCO DE QUE NEL QUEDEN AUSENTES OS DEREITOS COLECTIVOS E INDIVIDUAIS DA CIDADANÍA GALEGA

Para estes efectos CERNA abrirá  unha rolda de contactos.

A coincidencia temporal da crise financeira e económica coa das institucións autonómica galegas, do Réxime da Restauración e das institucións europeas incapaces de responder ás necesidades cidadás e só ao servizo das elites financeiras, ampliou a conciencia da fraude da Transición Española que non acolleu a realidade plurinacional do Estado Español nin garantiu o control cidadán das institucións políticas.

A expresión política vai polo camiño da fragmentación e diverxencia no canto da unidade de acción que sería a única garantía de eficacia. Sen embargo, esta fragmentación non sería nada dramático se somos quen de identificar os obxectivos políticos mínimos precisos para dar unha resposta eficaz ás demandas da maioría social galega.

 

Uns mínimos obxectivos comúns para Galiza para concitar o apoio da maioría social agredida en Galiza poderían ser:

  • Ruptura democrática co réxime decrépito e a ditadura da oligarquía financeira.
  • Democratización do aparello xurídico – político co dereito de Galiza a decidir.
  • Inmediata ruptura coas políticas do bipartidismo de liquidación dos dereitos sociais.
  • Recuperación das competencias e capacidades da Xunta e municipios para facer políticas sociais que non poden agardar.

 

Galiza precisa dun grande acordo

É inaprazábel converter en acordo as coincidencias sobre o marco xurídico – político que Galiza precisa para que a súa cidadanía sexa dona do seu destino, e defendelo conxuntamente e con eficacia.

Cerna está convencida de que Galiza non está condenada a seguir eternamente sometida. A colaboración, a xenerosidade e a humildade das organización políticas que honestamente pretenden servir a Galiza pode ser o camiño para conquerir que a cidadanía galega poida exercer realmente o poder democrático.

Entendemos que isto é doado entre os grupos políticos que teñen expresado o compromiso cos dereitos individuais e colectivos da cidadanía galega.

 

Galiza, 20 xaneiro de 2014
Consuelo Martínez

da Portavocía de CERNA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *