Por un 2015 no que a unidade de acción cidadá derrote á troica e conquiste o dereito a decidir

O ano 2014 remata poñendo en evidencia aquelo que vimos padecendo dende 2008: a crise económica global serviu de estafa para aumentar a capacidade de espolio do gran capital a conta de despoxar de medios materiais e de soberanía política os estados e os pobos.

Co que está a suceder con Grecia, a UE amosa a súa verdadeira faciana cando se inmiscúe na política grega para intentar manter no goberno grego a políticos dóciles amoldados ás directrices do neoliberalismo, a conta de máis sufrimento para a cidadanía co desmantelamento dos servizos públicos e a retracción da economía.

E é que a estrutura financeira, económica e política desta Unión Europea parece reservarnos aos pobos do sul de Europa o papel de fornecedores de man de obra cualificada e barata para as grandes multinacionais (acabamos de asistir na planta de Citröen en Vigo ao aplauso por parte das administracións europeas e da Xunta da precarización do traballo), man de obra tanto nos nosos países coma na emigración á Europa máis próspera. Os tratado de libre comercio cos EEUU non faría máis que acentuar esa situación.

Neste contexto, os pobos con estado comprenderon o que xa dolorosamente sabiamos os pobos sen estado: que a soberanía política é fundamental para exercer o dereito a organizar as nosas sociedades segundo principios de xustiza e dignidade.

Nós, que non entendemos a soberanía nacional sen a soberanía popular, sen a democracia, sabemos que é fundamental para a Europa do sul poñer os estados ao servizo da maioría social e dos procesos de emancipación colectiva. Así, este ano 2015 é crucial para cambiar o rumbo desta UE que tanto dano fixo e fai ao pobo galego, dende o sector leiteiro ao naval, unha oportunidade para exercer a unidade popular, para procurar o necesario entendemento estratéxico do nacionalismo e a esquerda política e social de Galiza, sobre a base da unidade de acción cidadá. Definir que é o que nos une e plantar cara á destrución capitalista –que ameaza con colapsar os propios ecosistemas onde vivimos.

Debemos aproveitar a actual conxuntura política de loitas democráticas para acumular forza para mudar o sistema, comezando polo marco xurídico político cara a unhas institucións galegas soberanas e radicalmente democráticas, porque ese é o camiño para garantir o benestar das maiorías sociais do noso pobo.

Así pois, en 2015, cómpre combinar as urxencias –desaloxar os partidos do réxime das institucións que poñen ao servizo da plutocracia– coa acumulación de forzas suficientes para que Galiza interveña de xeito determinante nun eventual proceso de reconfiguración do marco xurídico-político e institucional a nivel de Estado, para garantir que non sexa unha nova fraude á cidadanía galega.

Por iso, desexamos que a entrada no 2015 traia máis folgos para esta loita colectiva polo dereito á existencia do noso pobo e de todos os pobos do mundo.

Cerna, 31 de nadal de 2014

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *