8 de marzo: tomemos conciencia da desigualdade. A desigualdade nace da túa indiferenza

10918989_10206156256289062_5815813712765354663_nA crise do capitalismo revelou con crudeza os límites dos avances acadados no eido da igualdade.

Na lista das desproteccións, a muller aparece nun lugar manifesto.

A crise – ou, por mellor dicir, estafa – serviu como coartada para resituarnos ás mulleres con máis crueza no papel que o sistema capitalista nos reserva: a reprodución da forza de traballo e a carga sobre nós do mantemento e coidado das masas proletarias, suplindo co noso esforzo os dereitos que o estado social en retirada abandona. Así, é sobre as mulleres sobre as que recae o maior peso da atención a persoas dependentes, as que suplen o recorte nos comedores escolares, as que asumen os coidados a persoas enfermas ás que os inmorais recortes sanitarios deixan na estacada, ou as que fan de psicólogas dos problemas familiares, o que se vén a unir ás tarefas do fogar e ao coidado de nenos e nenas, que seguen a ser ocupacións maioritariamente femininas.

Na Galiza, a precariedade e pobreza ten nome de muller, agrandándose a fenda salarial, o que significa dependencia doutro para construír o propio proxecto de vida, inseguridade ante unha situación de maltrato, condena a unha emigración forzosa… seguir no círculo da pobreza e da exclusión.

Na actualidade, volve ser para moitas inasumible pensar en traballar fóra das labouras domésticas non valoradas nin pagadas. As mulleres, coma sempre, abandonando os propios intereses en función das persoas que con elas conviven e ás que elas coidan.

“Conciliar” coidados e vida persoal conxúgase aínda só en feminino, polo que cómpre primeiro unha concienciación sobor da desigualdade da muller, sobor dunha cultura na cal polo feito de nacer muller se teñen menos oportunidades e dereitos.

Cómpre unha revolución dos coidados, unha sociedade que valore os roles sociais asumidos tradicionalmente pola muller como un compromiso común da sociedade e non só coma unha carga marxinal feminina.

No seo dun sistema que ten a violencia como garante da súa continuidade (a violencia dos despexos de vivendas, a represión dos movementos sociais, a violencia de cobrar 400 €…) así como unha omnipresente cultura audiovisual que presenta modelos de muller á medida dos estereotipos patriarcais, aumentou a desprotección contra a violencia de xénero -con recorte das axudas e descenso de denuncias e medidas de protección- así como aumentan alarmantemente os signos de tolerancia coa violencia nas mozas e mozos.

Vivimos, ademais, coa reforma da lei do aborto, o retroceso de dereitos contra as mozas menores de idade, que non van poder exercer o dereito a dispor do propio corpo, condenadas a unha interrupción do embarazo en condicións non seguras ou a unha maternidade non desexada.

Cómpre unha revolución feminista que materialice a “idea radical de que as mulleres (todas, as de todas as condicións) somos persoas”.

Por iso, o 8 de marzo estaremos nas rúas: coas labregas, coas ensinantes, coas empregadas do fogar, coas prostitutas, coas mariscadoras, coas subempregadas… Con todas e por todas.

Cerna apoia a mobilización unitaria convocada polo feminismo galego o 8 de marzo, con saída ás 12 horas da estación de tren de Santiago de Compostela.

Galiza,  8 de marzo de 2015

Consuelo Martínez
da Portavocía de CERNA

Consuelo Martínez pide no Parlamento galego un compromiso de toda a oposición para derrotar o PP

“Concordamos moitas veces nos nosos discursos. Sabemos do estado de descomposición desta Cámara de representantes na que a oposición loitamos contra a brigada de demolicións que nos goberna.
Continúe lendo Consuelo Martínez pide no Parlamento galego un compromiso de toda a oposición para derrotar o PP

Galiza de novo ausente? Non podemos permitilo

GALIZA PRECISA DUN GRANDE ACORDO DE OBXECTIVOS ANTE UN POSÍBEL PROCESO CONSTITUÍNTE PORQUE CORREMOS O RISCO DE QUE NEL QUEDEN AUSENTES OS DEREITOS COLECTIVOS E INDIVIDUAIS DA CIDADANÍA GALEGA

Para estes efectos CERNA abrirá  unha rolda de contactos.

Continúe lendo Galiza de novo ausente? Non podemos permitilo

Chelo Martínez: “O PP busca distraer o verdadeiro debate político e tentar superar a desfeita electoral que lle ven enriba”

Ante a detención de letrados e letradas vascos que asisten para a asociación Herrira a persoas presas, despois de contrastar o tema coa Comisión de Coordinación de CERNA, considero que debo facer público o que segue:

Non deixa de ser sorprendente que un goberno do PP, que conta con moitos dos seus máximos responsábeis estatais ou autonómicos na cadea a con innumerábeis procesos por malversación de fondos públicos, contra o fisco ou por prevaricación, proceda a instar unha auténtica “redada de letrados” -por certo, onde fica o dereito constitucional á defensa?- presuntamente por fraude fiscal e seica por servir de enlace entre os seus clientes e a organización ETA.

Non podo menos que entender que un PP agobiado polo rexeitamento popular debido á súa propia corrupción e ás políticas contrarias ao benestar da maioría social está a buscar, como xa o ten feito outras veces, un “inimigo” que lle permita distraer o verdadeiro debate político e tentar superar a desfeita electoral que lle ven enriba.

É especialmente noxento que fagan esta operación a rebufo dos dramáticos acontecementos de París cunha cidadanía absolutamente conmocionada, buscando un plus emocional para incrementar os seus réditos políticos electorais.

Galiza, 13 de xaneiro de 2015

CONSUELO MARTINEZ
Deputada do Parlamento Galego

Por un 2015 no que a unidade de acción cidadá derrote á troica e conquiste o dereito a decidir

O ano 2014 remata poñendo en evidencia aquelo que vimos padecendo dende 2008: a crise económica global serviu de estafa para aumentar a capacidade de espolio do gran capital a conta de despoxar de medios materiais e de soberanía política os estados e os pobos.

Continúe lendo Por un 2015 no que a unidade de acción cidadá derrote á troica e conquiste o dereito a decidir

Cerna apoia a mobilización dos mariñeiros mercantes galegos diante da embaixada de Noruega en Madrid

16.11.2014

Cerna apoia a mobilización da Asociación Long Hope que se celebrará mañá, 17 de decembro, diante da embaixada de Noruega en Madrid. – Long Hope agrupa uns 12.000 mariñeiros mercantes que traballaron en Noruega entre 1952 e 1994, dos cales o 80% son galegos, aos que se lles negan as súas pensións de xubilación. Continúe lendo Cerna apoia a mobilización dos mariñeiros mercantes galegos diante da embaixada de Noruega en Madrid

Cerna condena o asasinato do seareiro do Deportivo da Coruña e esixe que o goberno aclare as circunstancias da morte

Cerna condena o asasinato do seareiro do Deportivo por parte do grupo neonazi “Frente Atlético” e transmite o seu pesar á súa familia e amizades.

Cerna esixe que se aclare por que as forzas de seguridade non actuaron prevendo enfrontamentos, tendo en conta o historial de violencia do “Frente Atlético”.

Cerna lamenta que as forzas de seguridade do Estado sexan tibias cos grupos fascistas e tremendamente celosas na represión dos movementos sociais.  Ademais, Cerna rexeita a conexión que, intencionadamente, se está a facer dende determinados medios de comunicación, entre a violencia e o independentismo, aproveitando o tráxico suceso.

Basta de complicidades coa violencia de xénero!

10639640_10204561051900013_5303032146279745873_n

Perante o 25 de Novembro, “Día Internacional contra a Violencia de xénero”, outro ano máis, observamos, como a pesar do aumento de casos de violencia e o retroceso nas denuncias dos mesmos, a resposta dos gobernos do Estado Español e do Goberno da Xunta de Galiza seguen a ser os recortes e o descenso do financiamento para loitar contra esta lacra.

Así, para os gobernantes do Partido Popular, a resposta contra a violencia de xénero tradúcese nun 28% menos de inversións en medidas contra a violencia de xénero con respecto ao ano 2011, un presuposto de sensibilización recortado en case un 70% e nun presuposto da Xunta que pasa en 5 anos de 60 millóns a 12,3 millóns de euros.

Continúe lendo Basta de complicidades coa violencia de xénero!

Cerna convoca un referendo telemático

Cerna, reunida hoxe, 18 de outubro, en Santiago de Compostela, na práctica da radicalidade democrática, acordou someter a votación mediante referendo telemático entre toda a súa militancia a cuestión da súa continuidade en Anova e a constitución de Cerna en partido político.

As preguntas que se trasladarán á militancia serán:

– Está de acordo en que Cerna abandone Anova?

– Está de acordo en que Cerna dé os pasos para constituírse en partido político?

O referendo realizarase entre o xoves, 23 de outubro, e o domingo, 26 de outubro, e será organizado pola Comisión de Coordinación de Cerna.