Chelo Martínez: “Pretenden poñerme unha mordaza”

(*) Entrevista a Chelo Martínez na Crónica da Radio Galega

A actitude da maioría da Xunta de Portavoces a respecto da reorganización do Grupo Mixto non deixa de ser unha lamentábel pretensión de poñerme unha mordaza para impedir o meu traballo parlamentar limitando a posibilidade de intervir, lesionando gravemente os dereitos legais como deputada e dificultando a miña obriga de servir á cidadanía.

Ante a proposta (*) moi razoábel que presentei de posibilidade de iniciativas congruente cos acordos precedentes da Mesa e Xunta de Portavoces e co número de deputadas/os de cada grupo, así como a económica na que o G. Mixto renunciaría a 3/5 da subvención fixa, a actitude da maioría dos portavoces foi o rexeitamento.

Fago un chamado á ética dos portavoces dos grupos para que, se non queren que esta cámara siga sendo “unha asfixiante cámara de gas” como se ten ás veces caracterizado por algún portavoz, permitan o exercicio de oposición desta deputada que só quere traballar en defensa do interese da maioría social.

Santiago de Compostela a 18 de novembro de 2014

Chelo Martínez García

(*) Proposta do Grupo Mixto do Parlamento de Galiza

Consuelo Martínez deixa o grupo parlamentar de AGE

foto Chelo

* Transcrición da comparecencia pública de Consuelo Martínez García [4-11-2014].

Esta mañá procedín a comunicar no Parlamento a miña baixa do grupo AGE e o meu paso ao grupo mixto.
Hai quince días estaba convencida de que era posible continuar dentro do grupo AGE: así o transmitín e esa era a miña vontade. A día de hoxe teño que confirmar que non foi posible porque AGE leva bastante tempo traballando, non coma un grupo, senon como un grupo de grupos onde o gran peso e a definición do grupo recae fundamentalmente en EU.
Eu xa discrepei cando foron as eleccións europeas deste peso que está adquirindo IU na coalición AGE. Eu consideraba que a aparición de Cerna, logo da súa saída de Anova, posibilitaba esa pluralidade dentro do grupo e que o grupo fora capaz de volver actuar como grupo, en base aos acordos estabelecidos como tal na coalición, pero non foi posíbel, e a coalición AGE está funcionando como unha coalición tradicional, cos mesmos fallos. Creo que o noso compromiso e a idea que eu tiña persoalmente era que AGE foi o resultado dun intento de fronte ampla, unha idea de unidade que se tiña que ir ampliando. Cremos que o funcionamento actual de AGE non representa esa filosofía actual de cambio nas organizacións políticas e, polo tanto, decidín dar o meu traslado da baixa no grupo parlamentar de AGE e o meu paso ao grupo mixto, aínda que eu espero, e estou segura, de que seguiremos coincidindo en moitas das iniciativas en defensa dos intereses da cidadanía.

Eu teño un grupo detrás, que nos constituímos en Cerna e que estamos dispostos a traballar en equipo, para seguir defendendo o noso compromiso coas clases populares galegas. Marcho con moita xente que formou parte da creación de Anova.

Continúe lendo Consuelo Martínez deixa o grupo parlamentar de AGE